Novas

26-09-2018 -

Concello e AVV de Magalofes promoven este sábado a Ruta dos Muíños

O Concello de Fene, a través da Concellería de Promoción Turística, e en colaboración coa AVV de Magalofes propón a veciños e visitantes participar este sábado, 29 de setembro, na Ruta dos Muíños. Guiada por Manuel Pico, inclúese no programa Fene Vivo Vén a Magalofes e con ela búscase dar a coñecer e pór en valor este importante patrimonio da parroquia, noutrora un modo de vida para moitos veciños e veciñas. Non é preciso inscrición previa e o itinerario, duns cinco quilómetros, é apto para nenos e maiores.
 
26-09-2018 -

A Escola de Música do Concello de Fene arrancará a súa actividade a mediados de outubro con clases de solfexo-piano e guitarra

A Escola de Música do Concello de Fene iniciará a mediados de outubro un novo curso e a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanza que a inscrición nas actividades abrirase do 1 ó 5 de outubro nas dependencias administrativas do pavillón municipal de A Xunqueira, en San Valentín. Será do seguinte xeito: 1, 2 e 3 de outubro inscricións só para residentes en Fene e o 4 e 5 de outubro inscricións para a a poboación en xeral. Os horarios serán de 8,30 a 14 h e, o mércores 3 e o xoves 4, amplíase tamén á tarde, de 16 a 19 h.
25-09-2018 -

Concello e Confraría inician a presentación da Guía de Artes e Especies Fene Mar Vivo entre a comunidade educativa

O alcalde, Gumersindo Galego, xunto ós concelleiros de Promoción Turística, Juan José Franco, e Educación, Ana Novo, e o biólogo da Confraría de Barallobre, Joám Luis Ferreiro, presentaron esta mañá a Guía de Artes e Especies de Fene Mar Vivo para un público moi especial, os preto de medio centenar de estudantes de 2º, 3º e 4º curso de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe O Ramo
25-09-2018 -

A unidade móbil de doazón de sangue desprázase a Fene este mércores

A unidade móbil de doazón de sangue desprazarase este mércores, 26 de setembro, a Fene. Permanecerá diante do centro de saúde en horario de mañá –de 9,30 a 14,30 h- e de tarde –de 15,30 a 21 h- e, dende o Concello, anímase á veciñanza a tomar parte na campaña de doazón.
25-09-2018 -

INICE e Concello de Fene promoven un curso gratuíto de informática

O Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas –INICE-, en colaboración coa Concellería de Benestar Social e Igualdade de Fene, porán en marcha un obradoiro de Manexo do procesador de texto, de nivel avanzado, no mes de outubro. O obradoiro, gratuíto, está dirixido principalmente a mulleres.
21-09-2018 -

Xaquín Marín presenta Tonecho este luns no Museo do Humor

O Museo do Humor de Fene, a segunda casa de Xaquín Marín, será escenario este luns, 24 de setembro, do acto de presentación da súa última publicación, Tonecho, pero tamén da obra X. Marín. Arte e compromiso no humor gráfico galego, de Félix Caballero Wangüemert, un libro definitivo sobre un dos artistas galegos fundamentais da historia de Galicia. Con entrada libre, o acto dará comezo ás 20 horas e, nel, Marín e Caballero estarán acompañados polo director de Galaxia, Francisco Castro, e polo alcalde de Fene, Gumersindo Galego.
21-09-2018 -

A Confraría acollerá este luns a presentación da Aula do Mar itinerante de Fene e da Guía de artes e especies

A Confraría de Pescadores de Barallobre albergará o vindeiro luns, 24 de setembro, o acto de presentación da “Aula do Mar itinerante” e da “Guía de artes e especies“, proxecto incluído no marco do programa Fene Mar Vivo, Vén a Fene que impulsa a Concellería de Promoción Turística que dirixe Juan José Franco.
21-09-2018 -

O Concello promove o certame gastronómico Fene, un mar de tapas

O Concello de Fene, a través da Concellería de Promoción Turística que dirixe Juan José Franco, e a Confraría de Barallobre organizarán no mes de outubro o certame gastronómico Fene, un mar de tapas. É por isto que o Concello vén de abrir o prazo, ata o vindeiro 28 de setembro, para que os establecementos feneses interesados en participar se apunten.
21-09-2018 -

A Biblioteca Municipal acollerá un contacontos e un obradoiro de cociña para os máis pequenos da casa

A Biblioteca Municipal Xosémaría Pérez Parallé acollerá o vindeiro xoves, 27 de setembro, o contacontos O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa, a cargo de Teatro Calavera, e un obradoiro de cociña infantil. Será a partir das 18 horas e as actividades están dirixidas a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos. Iso si, as prazas están limitadas a 40 e, aínda que a actividade é gratuíta, é preciso inscribirse previamente. Debe facerse o luns, 24 de setembro, o martes 25 e o mércores 26 na propia Biblioteca e en horario de 16 a 21 horas ou no teléfono 981 34 23 02.
20-09-2018 -

Fene celebra este sábado a IX Feira Outlet MERCA IN FENE

Fene acollerá este sábado, 22 de setembro, a IX Feira Outlet MERCA IN FENE e, esta mañá, o alcalde, Gumersindo Galego, e o concelleiro de Promoción Económica, César Castro, presentaban en rolda de prensa a cita, incluída no programa Fene Vivo, Ven a Fene e Perlío. Avanzaban que a feira, que arrancará ás 10 horas e se prolongará ata as 20,30 h, terá un formato similar ó do ano pasado. Así, convivirán os establecementos que ofrezan os seus produtos de promoción no interior dos locais con aqueles outros que dispoñan tamén a pé de rúa haimas onde amosar a súa oferta. Uns e outros suman 24 negocios, o que supón un incremento do 25% respecto á edición do 2017. Moda, textil, ópticas, calzado, produtos de agasallo ou labores concentran a oferta da feira. A Avenida do Concello, Avenida Naturais, rúa da Fraga e Marqués de Figueroa serán os escenarios do Outlet.