Organización municipal
O goberno e a administración autónoma do municipio correspóndenlle ao Concello, integrado polo alcalde e polos concelleiros.
Os órganos que integran a organización municipal son os seguintes:
- Pleno: formado polo conxunto de concelleiros electos, presididos polo alcalde e asistidos pola secretaría xeral.
- Alcalde: desempeña as funcións de dirección do goberno e da administración municipal, así como as demais atribucións que lle outorga a vixente lexislación e, entre elas, a organización das áreas que integran o goberno municipal e dos departamentos, servizos e outros entes que constitúen a administración municipal. Tamén é atribución do alcalde a representación do Concello, sen prexuízo da súa posíbel delegación.
- Tenentes de alcalde: substitúen ao alcalde en caso de ausencia ou enfermidade. Funcións que realizan de forma independente á competencia que lles corresponda nas áreas como edís.
- Xunta de Goberno Local: formada polo conxunto de concelleiros designados polo alcalde, presididos por este e asistidos pola secretaría xeral. Desempeña as funcións de asistencia ao alcalde no exercicio das súas funcións.
- Comisión especial de contas: constituída polos membros dos distintos grupos políticos da corporación. O número de membros é proporcional á súa representatividade no Concello ou igual para cada grupo. No último caso aplícase o sistema de voto ponderado. Correspóndelle a esta comisión o exame, o estudo e o informe da Conta xeral e das demais contas anuais.
- Comisións informativas: as comisións informativas permanentes constitúense como órganos de estudo, proposta ou consulta de asuntos que deban ser sometidos a decisión do órgano correspondente. Son Comisións informativas permanentes as que se constitúen con carácter xeral. O seu número e denominación inicial, así como calquera variación destas durante o mandato corporativo, decidirase mediante acordo adoptado polo Pleno por proposta do alcalde ou presidente. Son comisións informativas especiais as que o Pleno acorde constituír para un asunto concreto, en consideración ás súas características especiais de calquera tipo.
Salón de Plenos
Periodicidade das sesións
Pleno: reúnese con carácter mensual o primeiro xoves de cada mes.
Xunta Goberno Local: reúnese con carácter semanal os xoves ás 8:30 horas.
Comisión informativa de Dinamización Social, Benestar e Igualdade: reúnese o último xoves de cada mes ás 11:00 horas.
Comisión informativa de Desenvolvemento Territorial: reúnese o último venres de cada mes, ás 9:00 horas.
Comisión informativa de Organización e Seguridade: reúnese o último luns de cada mes, ás 9:00 horas
Comisión informativa de Facenda e Promoción Económica: reúnese o penúltimo xoves de cada mes, ás 17:00 horas