O PSdeG - PSOE de Fene amosa o seu total apoio ás demandas de UGT e CC.OO ante a mobilización desta fin de semana.
A permanencia do estaleiro no sector público e o diálogo previo cos sindicatos son para os socialistas os dous requisitos imprescindibles que se deben cumprir á hora de falar de calquera fórmula de futuro para Navantia Fene.
A corporación de Fene celebrou onte ao mediodía un pleno extraordinario para debater o texto impulsado pola Plataforma Rumbo 21 no que se solicita a adhesión do Concello á mobilización convocada para a vindeira fin de semana. Horas antes, o PSdeG-PSOE de Fene presentaba ás demais formacións políticas unha emenda a esa moción na que se aposta polo diálogo cos traballadores e traballadoras de Navantia como requisito imprescindible para tomar calquera decisión que afecte ao futuro de ASTANO.
Concretamente, a emenda dos socialistas, que foi aprobada por unanimidade no Pleno, di o seguinte: “Unha vez finalizado o veto para a actividade civil, o Concello de Fene esixe que calquera cambio que se puidera producir na titularidade actual do estaleiro pase necesariamente polo diálogo, en primeiro lugar, cos/as representantes dos traballadores e traballadoras de Navantia Fene e tamén polo diálogo entre as distintas formacións políticas.“
Deste xeito, o PSOE inclúe na moción de Rumbo 21 as dúas principais reivindicacións dos socialistas e dos sindicatos sobre o futuro de ASTANO, a permanencia do estaleiro no sector público e o diálogo cos representantes dos traballadores e traballadoras como única vía para poñer en marcha calquera iniciativa que afecte á titularidade ou á orientación do estaleiro fenés.
Iván Puentes, Alcalde de Fene, recordou tamén na súa intervención os esforzos feitos polo goberno de Zapatero no ano 2004 para, tal e como solicitaban os sindicatos, salvar a ASTANO das sancións impostas pola U.E. a causa das axudas ilegais aprobadas polos gobernos do PP. Ademais da intensa negociación do PSOE ante os organismos europeos para conseguir que o estaleiro fenés puidese integrarse na nova empresa pública naval (Navantia) e puidese dedicarse á construción militar.
“O Presidente do Goberno leva anos amosando o seu compromiso con Fene e con ASTANO. Sei como están hoxe os antigos estaleiros civís de IZAR, pechados, e sei como está o noso, con carga de traballo e empregando a máis dun milleiro de traballadores e traballadoras; grazas a que no 2004 Zapatero escoitou o que se lle reclamaba desde Ferrolterra”, afirmou Iván Puentes na súa intervención.
Aceptada a emenda socialista, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE votou a favor da moción, que foi así aprobada pola totalidade dos grupos políticos da corporación municipal, PSdeG-PSOE, BNG, PP e EU-IU.
Aviso legal | Accesibilidade | RSS
Concello de Fene. Avda do Concello s/n. Teléfono 981 492 707
© Fene Cidadán 2006